lunes, 9 de noviembre de 2009

O CATAVENTO RECÍBENOS COA SÚA EXCELENTE COCIÑA

Con motivo da apertura da 2ª Mostra Gastronómica de Pontevedra, o Restaurante Catavento quixo invitarnos a degustar o menú que ofrecen do 6 ó 13 de novembro.

Ao dono e aos cociñeiros deste restaurante a iniciativa da Federación Provincial de Empresarios de Hostelería de Pontevedra (FEPROHOS) resultoulles unha maneira interesante de poder entre todos levar a cabo un evento gastronómico coma este grazas á unión de doce restaurantes das comarcas do Condado e a Paradanta. A idea gustoulles porque, tendo en conta a época de crise que estamos atravesando pode ser unha boa forma de fidelizar ó cliente e, á vez, de que coñezan novos pratos que combinan a innovación da presentación dos mesmos e a tradición da materia prima empregada para a súa elaboración.

A idea de participar na Mostra foi de Mila, a cociñeira. Ela é veciña de Cans (Porriño), ten 37 anos e leva algo máis dun ano exercendo como tal. Mila é Enxeñeiro Agrónomo, e aínda que a simple vista non teña moito que ver o seu actual traballo cos estudios que ela cursou, ela di que están máis próximos do que pensamos. De feito, en moitos establecementos contratan enxeñeiros agrónomos para que se encarguen dos cultivos de hortalizas e verduras, que serán máis tarde empregados polos restaurantes para a elaboración dos seus pratos. Aínda que nunca pensara en gañarse a vida como cociñeira, a ela gustáballe moito cociñar na súa casa para os seus. Formouse nunha escola de hostalería e tivo como mestre a Juan, do restaurante Pepe Vieira.

A caza e as setas son produtos habituais na carta do Catavento (igual que a lamprea, o cochinillo ó espeto, etc...), por iso para esta ocasión escolleron, de primeiro prato, un revolto de boletus en hoxaldre e salsa de arándanos, que como nos contou Mila, era un prato que ela xa elaboraba na súa casa e que os seus invitados disfrutaban.
****
De segundo, faisán ó recoldo con salsa de mel, que lles pareceu unha proposta forte, innovadora e atrevida, algo novo que querían probar.
****

E como sobremesa, filloas recheas de crema de laranxa e froitos silvestres.
Todo isto acompañado dun bo viño Mencía “Val do Frade”.
****

Jaime tamén é cociñeiro neste restaurante, leva uns catorce anos no sector, aínda que xa traballara antes nun bar de copas, e incluso en Holanda, onde ten un negocio propio no que ofrece tapas típicas españolas.

A edificación na que se atopa o restaurante Catavento é de principios do século XX, deseñado por Antonio Palacios (1927). Estaba nun estado de total abandono, polo que Benito, o actual xerente, decide restauralo para convertelo no que na actualidade é. Foi inaugurado en 1994.

Segundo Benito, os clientes hoxe en día, e cada vez máis, saben comer mellor, e iso débese a que existe oferta moi ampla tanto de restaurantes bos coma de cartas e menús coa que tes que competir.
Para Benito, ser un bo anfitrión é saber conectar co cliente, saber comunicar, darlle importancia á comida e entender de viños. Para eles é necesario ter un don especial. Cando a un cociñeiro lle gusta cociñar e disfruta facéndoo para os demais, transmíteselle dun xeito especial ó comensal.

0 comentarios:

Publicar un comentario